*COMPAÑÍAS PARTICIPANTES 2010 *


 

 

CONTADORES DE ESTÓRIAS (Brasil)


Dende as grandes máscaras que compoñían os seus primeiros traballos en 1971, ata os bailaríns que formaban a compañía nos anos 80/90, pasando polos pequenos monecos que fixeron famoso o grupo, os Contadores de Estórias son una compañía adicada ao estudo, investigación e experimentación da linguaxe escénica. En 1981  establécense en Paraty (Brasil) onde crean un teatro estable no que propoñen e desenvolven proxectos educativos e formativos, e representan tamén os seus espectáculos, cos que visitan os festivais máis importantes do mundo.

 

 

“En concerto ”     (Manipulación directa)
Esta técnica de manipulación, combinada co emprego dunha temática pouco habitual no teatro de monicreques constitúe a marca rexistrada do grupo. Máis que un espectáculo ao uso, a proposta formada por sete historias independentes e sen palabras, é unha suxestión continua de camiños abertos e cheos dunha emoción delicada e intensa.

Representación: día 19.5.2010, ás 21:00 horas.
Auditorio do Multiusos da Xunqueira, Redondela (+14 anos).

 

 

 

EL RETRETE DE DORIAN GRAY    (Galicia-Cataluña)


Rúa Aire supón unha renovación e unha corrente de aire fresco no panorama teatral e de monicreques. A experimentación da compañía O Retrete de Dorian Gray, iniciada na súa peza Ne Me Quítte Pas, baseada na construción de monicreques con globos, mostra agora este pesadelo inflábel, esta viaxe polas entrañas dunha máquina de procesado de globos, polos resortes da fantasía, que demostrarán a todos que non é tan doado ser un globo. E menos se estás no Retrete de Dorian Gray.

“Rúa Aire”    (Monecos con globos)
En co-produción co Centro Dramático Galego, o espectáculo presenta unha vetusta máquina de procesado e inflado de globos, dous operarios co seu xefe de baixa por depresión e unha  xénese nada máis comezar: un puñado de globos emperrados en vivir, unha ducha accidentada, unhas malvadas tesoiras de ideas fixas, o vento que chama á porta, un país vítima dunha praga de bolsas de plástico, unha bomba pneumática con patas...
E un final que coincide coa conclusión da obra...
Representación:   Día 21.5.2010, ás 21 horas.
Auditorio do Multiusos da Xunqueira, Redondela (Todos os públicos).

 


 

 


TAAAT    (Cataluña)


Desta maneira tan curiosa chámase o novo proxecto de Farrés Brothers y Cía,  unha nova formación producida nesta compañía, onde elaboran espectáculos dirixidos a un público entre os tres e os seis anos pero sen descoidar os máis grandes e tampouco os seus pais: uns tíranlle proveito e outros pasan un bo momento.
Como din eles: “a cada oído a súa ollada, a cada ollo o seu escoitar….”

 

 

 

“Mal de closca (Dóeme a cuncha)”    (Manipulación de obxectos)
A tartaruga Juan dóelle a cuncha. Nin as visitas, nin os regalos, nin as sopiñas conseguen aliviarlle a dor. Terán que levalo ao cunchólogo. Pero a Juan isto non lle fai ningunha graza, porque…¡quen non teme ir ao médico?... Un espectáculo para revivir con tenrura os temores infantís  arredor da medicina, xogando co poder expresivo dos obxectos.

Representación:   Día 22.5.2010, ás  17:00 horas.
Auditorio do Multiusos da Xunqueira, Redondela (Todos os públicos).

 

PELELE MARIONNETTES (Francia)


Hai uns anos visitounos Don Cristóbal, da man da titiriteira Paz Tatay e a súa compañía.  Daquela o vello avarento tentaba fuxir das trasnadas da súa vella serventa. Un argumento típico da tradición dos monecos de luva mediterráneos, recreado con grande calidade na manipulación dos monecos e cunha agradable e completa atmosfera  musical interpretada ao vivo..

“Les funestes épousailles de Don Cristóbal”       (Monicreques de luva)
Don Cristóbal, vello misántropo solitario, vive feliz rodeado da súa fortuna. Pero dende hai algún tempo unha muller misteriosa enfeitiza os seus sonos. Quen é ela? O vello lánzase na súa busca. ¿A onde o levarán os tortuosos camiños do amor? ¿Atopará a súa felicidade? ¿Saberá esquivar as inevitables trampas do destino? ¿Verase abocado, como di o título, a un funesto casamento?

Representación: Día 22.5.2010, ás 21:00 horas.
Auditorio do Multiusos da Xunqueira. Redondela (+ 10 anos).

 

LA BALDUFA     (Cataluña)


Levan en activo dende o ano 1996 e proveñen da cidade de Lleida.  Ofrecen espectáculos de alta calidade artística, sen perder nunca o sentido do humor que caracteriza o seu traballo. Son montaxes multidisciplinares que empregan o máximo de recursos teatrais e ideoloxicamente comprometidos cos valores da solidariedade, a tolerancia e o respecto.

 

 

“Embolic a la granja”    (Técnicas mixtas)
A “lea na granxa” que se monta é por causa da desaparición dun ovo da Señora Galiña. Xorden desconfianzas entre os habitantes do casarío e todas as olladas diríxense cara ao novo visitante: o Corvo. E xa está a lea montada! Unha sátira, en forma de fábula, dos conflitos actuais da nosa sociedade.

Representacións:  Día 23.5.2010, ás 13:00 e 17:00 horas.
Auditorio do Multiusos da Xunqueira, Redondela (Todos os públicos).

 

“Drago”     (Teatro de rúa)
Tres excéntricos personaxes chegan á cidade acompañados dun estraño aparato móbil. Son tres militares desertores que vendo a absurdeza da guerra á que os tiñan destinado, decidiron fuxir da barbarie co seu pequeno artefacto e vagar polo mundo contando a lenda máis coñecida do seu país: a de San Xurxo e o Dragón.

 

Representacións:  Día 22.5.2010, ás 20:00 horas. Rúas Alfonso XII – Ribeira.
                             Día 23.5.2010, ás 20,30 horas. Rúas Alfonso XII – Ribeira.

 

 

VALERIA GUGLIETTI     (Arxentina)


Chega de novo esta artista de Villa Gesell a presentar a súa máxica habilidade coas mans. Quedou moi bo sabor de boca na súa anterior presenza e moita xente con ganas de repetilo. Os números e monecos son creados constantemente á vista do público, o que non fai máis que subliñar a destreza e precisión do seu traballo.
Un agasallo para os ollos para pechar o Festival.

“No toquen mis manos”     (Sombras chinas)
As mans de Valeria proxéctanse sobre unha pantalla e alí sucédense, nun ritmo vivo e abraiante, unha colección de imaxes e historias que sorprenderán a todo tipo de públicos. Alí mestúranse a linguaxe do cine mudo con aquela da banda deseñada; hai maxia, monecos e música, e todo nacendo e morrendo case no mesmo intre de miralo.

Representación:  Día 23.5.2010, ás 21:00 horas.
Auditorio do Multiusos da Xunqueira, Redondela (Todos os públicos).

 


 

COMPAGNIE JATOBA     (Brasil)


Logo do seu paso pola École des Arts Superieurs de la Marionnette de Charleville-Mezières, en Francia, Eder Paiva regresou á súa orixe, recuperando o universo inxenuo do mamulengo brasileiro, unha arte tradicional que reflicte con sagacidade o ambiente do mundo rural en Brasil.
Máis que un simple espectáculo escénico, trátase dun xogo popular nacido da memoria dos escravos, que emprega disciplinas diversas: música, teatro, maxia, ventriloquia….


 

“Mamulengo Jatoba”   (Monicreques de luva e outros)
A historia de Jatoba, colorida e festiva, entre imaxinaria e realista, invita con moito humor a penetrar no mundo árido e feliz do Nordeste brasileiro. Non faltan os diálogos e improvisacións co público, tan queridos a este teatro de monecos tradicionais.

Representacións:  Día 22.5.2010, ás 18 e 20 horas. Praza da Alfóndiga.
                             Día 23.5.2010, ás 17 e 19 horas. Praza Reveriano Soutullo.

 

 

 

PLANSJET  POPPENTHEATER      (Bélxica)


Os monecos  danzantes de Mieke e Chris Geris presentan de novo o seu orixinal e fermosísimo espectáculo. Son tallas orixinais de madeira confeccionadas por eles mesmos, que cobran vida ao son dos instrumentos que tocan: zanfona, gaita, frauta, tamboril… A  rexión flamenca de Limbourg estará presente da súa man.

 

“De poppen aan het dansen”    (Varias técnicas)
Os monecos e as súas danzas”: xa o título é ben explícito do facer desta parella de artesáns, músicos e animadores de monicreques: un pastor, un pirata, un cabalo…todos danzan ao son das harmoniosas melodías interpretadas por Mieke. Tamén hai lugar para a participación e a sorpresa, con momentos de pura maxia tradicional.

Representacións:  Día 22.5.2010, ás 17:30, 19:30 e 21 horas. Praza do Concello.
                             Día 23.5.2010:, ás 19 e 21 horas. Praza do Concello.

 

 

MARIONETAS EN LIBERTAD    (Francia)


Martin Ahrens e Florence Guilbert crearon a compañía en Arxentina no ano 1985. En 2000 instaláronse definitivamente en Francia. Os seus espectáculos teñen un carácter visual e musical que se adapta á marabillosa capacidade de expresión da marioneta, atravesando así as fronteiras da lingua.

 

“Chapeau loco”     (Varias técnicas)
A historia dun día extraordinario na vida do Señor Ploplo, un vendedor ambulante de chapeus. A súa Máquina sérvelle de casa, de fábrica e tamén de tenda. Pero hoxe a Máquina ergueuse con ganas de troula e disposta a facerlle unha chea de trasnadas. Personaxes fantásticos emerxen de todas partes involucrando a Ploplo en inesperadas aventuras.

Representacións:  Día 22.5.2010, ás 13:00 horas. Praza do Concello.
                             Día 23.5.2010, ás 18:00 e 20:00 horas. Xardíns da Alameda.

“Gran Circo de Liliput”      (Marionetas de fíos)
Benvidos ao circo máis grande do mundo cos máis pequenos artistas!
Unha bailarina danza con graza sobre unha corda, un atleta levanta pesos enormes, os equilibristas logran pirámides vertixinosas. Números de circo enlazados ao ritmo de sons e cores latinoamericanas. ¡Pasen e vexan!

Representacións:  Día 22.5.2010, ás 19, 19:30 e 20 horas. Xardíns da Alameda.
                             Día 23.5.2010, ás  12:30 e 13:30 horas. Xardíns da Alameda.

 

RODORÍN      (Madrid)


O rodorín é o íntimo amaño do cascabel, o seu dente de desdentado, o que lle dá ese sorriso fanado que adoita ter, a música que lle fai compaña.
Detrás deste nome e desta definición atópase José Antonio López Parreño, un dinámicofabulador que xunta contos e monecos, oralidade e xogo, empregando contos dramatizados a través da manipulación de libros, marionetas e obxectos que utiliza de xeito paradoxal, humorístico, poético ou irónico.

 

““Retablillo de títeres y cuentos”    (Varias técnicas”)
Trátase dun enxeñoso colaxe de contos. Son narracións curtas extraídas da tradición oral e de autores contemporáneos da literatura infantil cunha presenza importante da palabra como música: ritmo, rima, ecos, aliteracións,... E todo como un xogo con diversos elementos próximos ao mundo dos nenos: libros, monicreques e marionetas, xoguetes e obxectos cotiás, que de modo figurativo ou simbólico pasan a converterse en personaxes das historias a través da súa manipulación.

Representacións Día 22.5.2010, ás 17 e 19 horas. Praza Reveriano Soutullo.
                             Día 23.5.2010, ás 17 horas. Praza Reveriano Soutullo

 


 

TOMBS CREATIUS   (Cataluña)


Compañía de creación de xogos de madeira formada por Toni Tomás e Alfred Borrás hai  máis de cinco anos. Idean, deseñan e constrúen artesanalmente xogos de rúa para todas as idades. Están feitos en madeira porque é un elemento cálido, natural, reutilizable, que permite traballalo de xeito artesanal e en equilibrio co medio ambiente.


 

“Colors de monstre”    (Xogos de madeira)
Estas “Cores de monstro” xurdiron en 2008 por un encargo para o Festival Internacional de las Artes de Costa Rica. Alí os mellores ilustradores do país deron vida aos xogos presentados, e desa experiencia, e coa axuda do artista plástico Carles Porta, crearon esta colección ilustrada, artística e visual.

Representacións:        Día 22.5.2010,  de 18 a 21,30 horas. Pista da Xunqueira.
                                    Día 23.5.2010,  de 18 a 21,30 horas. Pista da Xunqueira.

 

BONECA LARETA     (Galicia)


A compañía BONECA LARETA créase no pasado ano da man de Aitor Rei, coa colaboración de Avelino González, e está composta por unha troupe de artistas e colaboradores ben experimentados no sector teatral: actores, músicos e acróbatas, que procuran con humor a complicidade do público, coa sa intención de divertir.

A familia Nolfini: Os cómicos do Camiño”
Un grupo de cómicos ambulantes van de cidade en cidade ofrecendo os seus “maxistrais” números musicais: os bailes da primeira diva, as peripecias do neno ciclista e a estrela do seu espectáculo: a cabra María Xosé. Un espectáculo para non perder, que perdidos xa están eles!

 

Representacións: Día 23.5.2010, ás 19 horas. Xardíns da Alameda.

 

 

OS CROQUETAS 

Logo da súa “presentación en sociedade” no festival do pasado ano, xa se fixeron insubstituíbles co seu aspecto, a súa posta en escena, a elección dos instrumentos  e o seu particular xeito de entender a música de rúa: festa e caña ata que o corpo rebente!

 

THE TURRE’S BAND     (Galicia)

Xa coñecemos ben o variado repertorio destes once músicos de Torroso e arredores, con  facilidade para montar festas á súa volta: música balcánica, ska, bandas sonoras, sintonías de series de TV…. Agora andan inmersos na gravación do seu segundo traballo discográfico.

 

C’É  ORQUESTRA PANTASMA     

               
A orquestra debe de ser pantasma porque nunca chega a tempo. O que si está é Cesar Freiría, un home orquestra animoso e polivalente: “Poli” porque toca unha chea de instrumentos; e “valente” porque atrévese con todo: cancións infantís, música tradicional, rock’n’roll, cantautores, tralla verbeneira…

 

 

 

 

 

VOLTAR