12º FESTIVAL INTERNACIONAL DE TÍTERES DE REDONDELA 

  (Memorial Juanjo Amoedo)

  Do 24 ao 29 de maio de 2011

De novo as rúas, prazas e xardíns redondeláns servirán de escenario para artistas, músicos e titiriteiros das máis variadas procedencias. A organización do evento, compartida pola ASOCIACIÓN XENTE TITIRITEIRA  e a Concellería de Cultura do Concello de Redondela, mantén a vocación internacional do FESTIVAL, presentando, nesta ocasión, os traballos e espectáculos de compañías profesionais de:  Francia, Alemaña, India, Rusia,  Andalucía, Aragón, Cataluña, Madrid e Galicia (entre outras). Unha festa da diversidade que encherá de novo Redondela de marionetas de fíos, monicreques tradicionais, vangardas creativas,  xogos participativos, animación de rúa  e unha chea de sorpresas.Seguindo a filosofía do seu creador, Juanjo Amoedo, o FESTIVAL continúa na liña de involucrar na súa celebración a maior cantidade posible de institucións, de sectores sociais e de xentes da vila, para manter este acontecemento como a maior manifestación cultural de Redondela. Así, o FESTIVAL conta xa co apoio de diversas institucións políticas, económicas e sociais de índole estatal, autonómica, provincial e local, e na súa organización participan, de xeito voluntario, arredor de 50 persoas procedentes de diferentes colectivos e agrupacións locais que conforman a ASOCIACIÓN XENTE TITIRITEIRA.Na pasada edición de 2010 superouse sobradamente a cantidade de 30.000 espectadores nas diferentes seccións da programación, polo que as previsións para este ano son inmellorables e agárdanse arredor de 35.000 asistentes.Unha festa internacional onde se mesturan títeres, ledicia e festa.