![]() |
|
Juanjo Amoedo Barciela, nace o 10 de xuño de 1965 na rúa Cruceiro de Redondela. Medrou cheo dunha inesgotable fantasía como un neno sinxelo,agudo e suspicaz . Co tempo foi mudando ata converterse nun mozo xovial,repleto de vitalidade e cheo de inquedanzas que non precisaba palabras coas que expresarse, pois falaba coa mirada e cun amplo sorriso que enchía a quen o coñecía dunha alegría contaxiosa. Absolutamente auténtico, único e diferente, aprendeu a ser solidario e a comportarse con honestidade compartindo logros e frustracións. Foi una persoa libre, xenerosa, capaz de gozar por igual dando que recibindo,saboreaba a vida e gozaba dela a cada instante, posuía unha grande capacidade para perdoar, tivo moitos compañeiros de viaxe, algúns para un momentiño,outros para unha tempada máis ou menos longa e despois os amigos de toda a vida, os amores, a familia... foi amigo dos seus amigos e querido por moitos. Defensor pertinaz do seu pobo e das súas xentes,insistía unha e outra vez cando algunha idea lle pasaba pola cabeza e intentaba acadala custase o que custase, aínda que ás veces os seus argumentos provocaran discusións ou descalificacións. E así foi como empezou a darlle voltas e máis voltas á importancia do traballo do grupo Tanxarina , recoñecido en moitos lugares do mundo e moi aplaudidos a nivel internacional, mentres que no seu propio pobo non se lles valoraba como merecían, ou iso era o que Juanjo percibía. Cría sinceramente na oportunidade cultural e de promoción que suporía para Redondela o impulso e a organización dun grande festival de títeres que a situara nun nivel aceptable no circuíto cultural nacional e internacional . O seu respecto e admiración incondicional con Tanxarina, o seu empeño na realización do festival, así como a súa plena confianza no éxito desta empresa, forzou a situación e supuxo un empuxón para que unha boa parte da sociedade redondelá escéptica coa idea, comezase a mobilizarse e a traballar a reo para conseguila, permitíndonos a todos nós participar ano trás ano e disfrutar dun magnífico festival internacional de títeres e de que por fin o grupo Tanxarina se convertise no verdadeiro PROTAGONISTA do seu pobo tal e como era o desexo de Juanjo.
|